Inicio Contido fixo Educación Primaria

Educación Primaria

                                                                                         OBXECTIVOS XERAIS DA ETAPA

 

 A Educación Primaria contribuirá a desenvolver nos nenos e nenas as capacidades que lles permitan:

  •  Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.
  •  Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e responsabilidade no estudo así como actitudes de confianza en si mesmo, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe.
  •  Adquirir habilidades para a prevención e para a resolución pacífica de conflitos, que lles permitan desenvolverse con autonomía no ámbito familiar e doméstico, así como nos grupos sociais cos que se relacionan.
  •  Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas con discapacidade.
  •  Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega e a lingua castelá e desenvolver hábitos de lectura.
  •  Adquirir en, polo menos, unha lingua estranxeira a competencia comunicativa básica que lles permita expresar e comprender mensaxes sinxelas e desenvolverse en situacións cotiás.
  •  Desenvolver as competencias matemáticas básicas e iniciarse na resolución de problemas que requiran a realización de operacións elementais de cálculo, coñecementos xeométricos e estimacións, así como ser capaces de aplicalos ás situacións da súa vida cotiá.
  •  Coñecer e valorar o seu contorno natural, social e cultural, así como as posibilidades de acción e coidado do mesmo. Coñecer persoeiros importantes da cultura galega.
  •  Iniciarse na utilización, para a aprendizaxe, das tecnoloxías da información e a comunicación desenvolvendo un espírito crítico ante as mensaxes que reciben e elaboran.
  •  Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais.
  •  Valorar a hixiene e a saúde, aceptar o propio corpo e o dos outros, respectar as diferenzas e utilizar a educación física e o deporte como medios para favorecer o desenvolvemento persoal e social.
  •  Coñecer e valorar a flora e a fauna de Galicia e adoptar modos de comportamento que favorezan o seu coidado.
  •  Desenvolver as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións cos demais, así como unha actitude contraria á violencia, aos prexuízos de calquera tipo e aos estereotipos sexistas.
  •  Fomentar a educación vial e actitudes de respecto que incidan na prevención dos accidentes de tráfico.