Inicio Noticias Encontro formativo familias

Encontro formativo familias

O pasado xoves, 5 de marzo, tivemos no centro un encontro formativo para familias titulado “Primeiros anos, grandes bases”, impartido pola psicóloga sanitaria Inés Fernández Cortiñas, antiga alumna do colexio, quen tivo a xenerosidade de volver ao centro para compartir, de maneira totalmente altruísta, os seus coñecementos e experiencia.

Durante a sesión, Inés abordou diferentes aspectos clave do desenvolvemento infantil na etapa de 0 a 7 anos, ofrecendo unha mirada fundamentada na psicoloxía, as neurociencias e a pedagoxía Montessori. Ao longo da charla, explicou cuestións tan relevantes como a autorregulación emocional, o establecemento de límites con respecto, o desenvolvemento da autonomía ou a importancia de preparar ambientes que favorezan a aprendizaxe e o benestar dos nenos e nenas.

A través de exemplos prácticos e situacións cotiás —como as rabietas, a frustración, os medos ou os procesos de separación—, achegou ferramentas útiles para comprender mellor esta etapa e acompañar o desenvolvemento infantil desde unha perspectiva respectuosa e consciente. A charla resultou moi enriquecedora tanto para as familias como para o profesorado. Ao rematar, tivemos tamén un momento máis distendido arredor dun café no que puidemos seguir compartindo reflexións con ela.

Desde o centro queremos agradecer sinceramente a Inés Fernández Cortiñas a súa dispoñibilidade, cercanía e a claridade coa que soubo transmitir a importancia dos primeiros anos de vida como base fundamental para o desenvolvemento futuro.