Inicio Noticias Actividades da semana das Letras e a Lectura de Sarria

Actividades da semana das Letras e a Lectura de Sarria

A pasada semana, con motivo da semana das Letras e a Lectura de Sarria e en colaboración co Concello, os alumnos do noso centro realizaron as seguintes actividades:

 

LUNS, 6 DE MAIO

Os cursos de infantil asistiron na Casa da Cultura a representación "SOMOS IGUAIS"- A historia trataba sobre Queliña. Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias, e de paso atrapar aos nosos alumnos e as súas profesoras na súa historia, que tentaba buscar contos para demostrar que nenas e nenos son iguais. 

 

MARTES, 7 DE MAIO

3º e 4º de EP asisten ao contacontos "ANTÓN FRAGUAS NO BOSQUE DA MOURA". 

 

Este ano dedícase o Día das Letras Galegas a Antón Fraguas, un home ben interesante que dedicou a súa vida a coñecer os lugares e as historias dos que viviron antes ca nós. A Moura e Antón atópanse no bosque e van xuntos a través da cova do tempo a eses lugares.

Os alumnos coñeceron de primeira man esas historias, nas que se narraba dun xeito lúdico a biografía do autor homenaxeado, Antón Fraguas.

Ademais, visitaron na Casa da Cultura de Sarria unha exposición na que puideron coñecer a Historia do Libro.

 

5º e 6º EP coñeceron a "ALICE GUY A NAI DO CINEMA". 

A través da narradora Raquel Queizás e da visualización de cinema mudo, coñecemos a figura doutra pioneira: Alice Guy, muller adiantada ao seu tempo xa que foi a primeira persoa en dirixir unha película de cinema. Alice dirixiu e protagonizou moitas metraxes e foi a nai da cor xa que cun pincel ía pintando os fotogramas para darlle cor ás imaxes.

Todo un exemplo de superación que non foi  recoñecido como se merece  xa que, moitos dos seus logros foron adxudicados a homes da época.

 

A ESO pola súa parte participou no noso colexio nun Obradoiro de Creación Audiovisual a cargo de Manuel Darriba, que lles explicou en que consistía a actividade de guionista: perspectivas profesionais e formación. As calidades que require o traballo de guionista, as fases de traballo, da idea á pantalla: biblia, argumentos, diálogos e exemplos dos distintos formatos. 

 

MÉRCORES, 8 DE MAIO

1º e 2º de EP acoden a casa da cultura a ver o espectáculo "FANTASÍA MUSICAL".

A actividade consistiu nun concerto musical levado a cabo por María Faltri e Jorge Juncal. Coas 23 cancións adicadas a cada unha das letras do abecedario, que tiña como obxectivo divertirnos con textos cheos de fantasía, empregaron diferentes tipos de estilos musicais (pop, hip hop, rock&roll, ...). En cada unha das cancións ían aparecendo diferentes pesonaxes moi divertidos e con moita interacción cos cativos.

 

Todos os alumnos desfrutaron moito das distintas actividades!!!