Inicio Contido fixo Educación Infantil

Educación Infantil

                                                 OBXECTIVOS DE CICLO (3 – 6 anos)

 

Os obxectivos xerais de ciclo pódense definir como as capacidades que se agarda que ao final da educación infantil desenvolva o alumno/a  como consecuencia da intervención educativa que o centro planificou inicialmente.

  

1. COÑECEMENTO DE SÍ MESMO E AUTONOMÍA PERSOAL.

  •   Formarse unha autoimaxe axustada e positiva, identificando gradualmente as propias características, posibilidades e limitacións a través da interacción coas outras persoas, desenvolvendo sentimentos de autoestima e acadando maior autonomía persoal.

 

  • Coñecer e representar o propio corpo, identificando as súas partes e algunhas das súas funcións, descubrindo as posibilidades de acción e de expresión, e coordinado e controlando cada vez con maior precisión xestos e movementos.

 

  • Identificar os propios sentimentos, emocións, necesidades e preferencias, e ser capaces de expresalos e comunicalos, así como identificar e respectar tamén os das outras persoas.

 

  • Tomar a iniciativa, planificar e secuenciar a propia acción para realizar tarefas sinxelas ou resolver problemas da vida cotiá, aceptando as pequenas frustracións e manifestando unha actitude tendente a superar as dificultades que se presentan, reforzando o sentimento de autoconfianza e sendo quen de solicitar axuda.

 

  • Adecuar o propio comportamento ás necesidades e requirimentos das outras persoas, desenvolvendo actitudes e hábitos de respecto, axuda e colaboración e mais evitando a adopción de comportamentos de submisión ou dominio.

 

  • Progresar na adquisición de hábitos e actitudes relacionados coa seguridade, a higiene, a alimentación e o fortalecemento da saúde, apreciando e gozando das situacións cotiás de equilibrio e benestar emocional.

 

  • Progresar na adquisición de hábitos de orde, constancia e planificación no desenvolvemento das tarefas.

 

  • Amosar unha actitude de aceptación e respecto polas diferenzas individuais: idade, sexo, etnia, cultura, personalidade, características físicas…

 

  • Descubrir, coñecer e vivir o xogo como medio que favorece a aceptación propia, o desenvolvemento humano, a manifestación de emocións, o respecto das demais persoas, aceptación de regras, a seguridade persoal e a aceptación da identidade sexual e cultura.

 

2. COÑECEMENTO DO CONTORNO

 

  •  Observar e explorar de forma activa o seu contorno, xerando interpretacións sobre algunhas situacións e feitos significativos, e mais mostrando interese polo seu coñecemento.

 

  • Observar os cambios e modificacións a que están sometidos os elementos do contorno e relacionalos cos factores que os producen, desenvolvendo actitudes de coidado, respecto e corresponsabilidade na súa conservación.

 

  • Iniciarse na formulación de hipóteses, buscando respostas e explicacións, para anticipar probables efectos que poderían producirse como consecuencia de situacións da vida diaria e dalgúns experimentos realizados.

 

  • Relacionarse coas demais persoas, de forma cada vez máis equilibrada e satisfactoria, interiorizando progresivamente as pautas de comportamento social e axustando a súa conducta a elas.

 

  • Coñecer distintos grupos sociais próximos á súa experiencia, algunhas das súas características, producións culturais, valores e formas de vida.

 

  • Establecer relacións de confianza, afecto, colaboración, comprensión e pertenza baseadas no respecto ás persoas, ás normas e valores da sociedade a que pertencen.

 

  • Apreciar e facer seus algúns elementos significativos propios da tradición e da cultura galega –expresións artísticas, costumes, festas populares, folclore, gastronomía, etc-.

 

  • Iniciarse nas habilidades matemáticas, manipulando funcionalmente elementos e coleccións, identificando os seus atributos e calidades e mais establecendo relacións de agrupamentos, clasificación, orde e cuantificación.

 

  • Empregar o coñecemento matemático para interpretar a vida en clave de lóxica, comprendendo situacións e resolvendo problemas: establecendo relacións, comparando, cuantificando, medindo, pesando, etc.

 

3. LINGUAXES: COMUNICACIÓN E REPRESENTACIÓN

 

  • Empregar as diversas linguaxes como instrumento de comunicación, de expresión de ideas e sentimentos,de representación, aprendizaxe e de gozo.

 

  • Recoñecer a importancia das manifestacións non verbais (o silencio, a mirada, a xestualidade, o olfato e o tacto) como elementos xenuinos da comunicación humana.

 

  • Comprender que as palabras, escrituras indeterminadas, números, notas musicais, iconas e outros símbolos e signos convencionais poden representar os pensamentos, experiencias, coñecementos, ideas e invencións das persoas.

 

  • Comunicarse oralmente nas dúas linguas oficiais con distintos propósitos- expresar sentimientos, emocións, desexos, ideas…-con diferentes interlocutores e/ou interlocutoras e en diversidade de contextos, valorando a linguaxe como ferramenta de relación cos demais, de regulación da convivencia e de aprendizaxe.

 

  • Comprender a intencionalidade comunicativa doutras nenas e doutros nenos, así como das persoas adultas, adoptando unha actitude positiva cara ás linguas.

 

  • Iniciarse no uso oral dunha lingua estranxeira para comunicarse en actividades contextualizadas e amosar interese e gozo ao participar nestos intercambios comunicativos.

 

  • Achegarse á lingua escrita a través de distintos tipos de textos.

 

  • Comprender, reproducir, reescribir ,(tendo en conta as diferentes etapas individuais no proceso de adquisición da lingua escrita) e recrear textos.

 

  • Facer uso da biblioteca valorándoa como fonte de información e como fonte de pracer.

 

  • Potenciar a capacidade creativa a través das inguaxes artísticas para imaxinar, inventar, transformar…, desde as súas ideas, sentimentos, experiencias e coñecementos.

 

  • Achegarse ao coñecemento de obras artísticas expresadas en distintas linguaxes, comunicándose creativamente a través das diferentes manifestacións e adquirindo sensibilidade estética.

 

  • Desenvolver o sentir de autoconfianza nas producións artísticas persoais, amosando interese pola súa mellora, respectando e valorando as creación propias e as das demais persoas.

 

  • Achegarse ao coñecemento, emprego e valoración das TIC –ordenadores, internet, encerado dixital interactivo, escáner, video …- como ferramentas de busca de información, creación, expresión e comunicación.